O Curral de Abaixo ten, segundo o Instituto Galego de Estatística, 2 habitantes censados. Un é o meu veciño Sindo; o outro, eu. Se o IGE contara fornos, obtería unha cifra de 2,5 por habitante.
Tal densidade contrasta coa falta de terra cultivada e co modelo comunal habitual dos antigos fornos de leña na maior parte de Europa. Se cadra, son restos dun pasado onde a abundancia de cereal xustificaba a súa construcción en moitas casas (aínda que a maioría, como a miña, son humildes) ou, seica, non é máis que outra expresión do noso individualismo.
Prender un forno consume moitos recursos: precisa tempo, moita leña e hai que usalo con regularidade para que cozan ben. Tampouco é práctico se queres preparar unha empanada ou un lacón asado: poden ter máis de 10 veces a capacidade dun forno doméstico e estaban pensados para cocer o pan para moitos días.

Imaxinaba que o meu podía ser un un lugar marabillosos para pasar longas xornadas coa familia ou os amigos e decidín recuperalo para esta fin, aínda que tiven que transistar polo meu “Death Valley” onde todo eran atrancos para amañar o pendello e as comidas uns días queimábanse, outros días ficaban crúas e sempre, sempre eran servidas á hora da merenda.

Tardei un pouco en dominalo. Grazas á práctica e os consellos do meu finado veciño Carlos, aprendín a quencelo mellor usando menos leña. Co uso, ademáis, decateime de que podes usar o calor residual e esa capacidade enorme que ten para preparar moitas comidas que se benefician de coccións longas a temperaturas moderadas: os guisos collen corpo, as hortalizas quedan doces e douradas; as legumes, enteiras e tenras…
Colocar os alimentos nunha fonte e confiar nas bondades do forno é unha técnica anticuada moi alonxada das receitas modernas que poden esixir tantos pasos, ingredientes e recipientes. É, por esta mesma razón, unha forma de desfrutar da cociña máis de vagar, de abrir o viño e esperar conversando. Os días no meu forno agora son longos e agradables, como cando era cativo e as vacacións duraban todo o verán.

Se tes un forno, tes un tesouro. Recupérao. Úsao.
