Son Rodrigo Varela. Levo 20 anos traballando en ecommerce, pero eu do que gosto é do aire libre e a natureza.

Que é Casa Vacas?

É o nome curto que deron os meus fillos á casa que compramos no Concello de Friol a principios de 2023; o longo? Casa Vacas Raposo Can ao Forno.

Que é o terraforming na aldea?

É co que tento contribuír a mellorar a contorna na que está a casa, a que a aldea non se abandone e partillar cos meus veciños a alegría e ilusión por estar alí.

Como o fas?

A parte material non é sinxela, xa que non teño os cartos precisos para facer unha reforma a fondo. Vou amodo, mais ano tras ano vexo pequenos avances: o pendello do forno, a horta, o xardín dianteiro, a habitación dos nenos, a miña…

Pero hai algo máis importante que é a relación cos veciños. Os meus fillos saben moitos dos seus nomes e falamos habitualmente con eles. Gosto dos muros baixos da miña horta e ver as estrugas esmagadas polas pisadas de Carreira e compañía cando asoman a cabeza para tentar entender que fago na horta. Aínda que puidera, nunca levantaría un muro de dous metros.