Redescubrindo Friol

Torta de améndoa que non puido ser de millo

Calcúlase que no 2025 houbo algo máis de 300 millóns de persoas emigradas, o que representa menos do 4 % da poboación mundial (International Migrant Stock – Nacións Unidas), dos que case 120 millóns foron desprazados por mor de guerras, persecucións e outras violacións dos dereitos humanos. Por difícil que sexa a vida en moitos lugares do mundo, a opción por defecto é ficar. Á diferenza das anguías, os humanos somos moi de dar voltas polo camiño máis trillado.

A inercia levoume, tras as primeiras semanas en Santalla, a definir rapidamente os meus lugares de referencia en Friol: os bares, a panadería, a ferraxaría, o mecánico, un par de tendas de produtos agrícolas e os supermercados de rigor. As miñas necesidades son básicas e predecíbeis. Se quero asar un lacón, sei que haberá lacón; parafusos para facer un marco, sen problema; madeira de encofrar, check. Así botei tres anos sen grandes atrancos.

Máis un día, coa miña listaxe de planos preparada para gravar un vídeo, atopei un problema de produción: na panadería onde habitualmente compraba fariña milla, xa non a vendían máis porque deixaran de facer broa. Nin nos supermercados, nin en Tralo agro tiñan esta fariña (curiosamente, si de garabanzos ou de trigo sarraceno). Alejandro, un dos convidados dese día, suxeríu ir á Panadería Casanova.

– Panadería Casanova? En Friol non hai ningunha panadería con ese nome.
– Pois en Google pon que existe.

Segundo o mapa, a 3 minutos a pe, por un pequeno camiño, había outra panadería que descoñecía. Non so existía, ademáis tiñan un forno tradicional á vista moi bonito e o pan parecía excelente. Pero tampouco tiña fariña milla.

– Pregunta na tenda dos piensos, que teñen un muíño e moen cereal.

Non moi seguro de ter entendido ben, dirixinme ao local. Para a miña sorpresa, o dono confirmou que tiñan un muíño de auga onde os veciños moen o cereal a cambio da maquía. O problema (para o meu vídeo) é que agora so traen trigo porque ninguén leva centeo ou millo.

Chegado a un punto morto, decidín usar na torta un cruce de estilos (torta de Guitiriz) e ingredientes (tarta de Santiago) que sería do agrado do párroco Manuel Bande, que ordeou a construción da Igrexa guitiricense de Santa Mariña de Lagostelle, un templo onde conviven as persianas de plástico, a uralita e o granito.

Pasei a proba cun aprobado raspado, pero fiquei moi satisfeito cos pequenos achados nun lugar que cría xa coñecido. Incluso nos lugares máis familiares, sempre semella haber unha camada oculta pola inercia.

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *