Un chan shou sugi ban

Suelo de shou sugi ban. Madera quemada japonesa.

A borra fina que fica no forno cando o prendes en modo pirolítico é o resultado de carbonizar a roña a alta temperatura nunha atmósfera pobre en osíxeno. A pirólise —de onde toma o nome— é o proceso da descomposición da materia orgánica usando calor. O termo é de cuño recente, mais non a técnica: o homo sapiens leva máis de 10 milenios fabricando carbón e os neandertais xa facían brea hai case 200.000 anos.

A brea usouse desde a antiguidade para illar a madeira dos barcos. Nos países nórdicos, onde estivo concentrada a produción moderna europea, fabrícabanse fornos perto dos bosques que se enchían densamente con anacos de piñeiro sobre os que se prendía lume (tapados, para evitar a entrada de osíxeno que prendera a madeira). Tras unhas horas, a descomposición da madeira producía brea, un líquido visguento e hidrófugo.

Un proceso similar, capaz de conseguir madeira máis resistente á auga, acontece cando queimas tablóns, técnica popularizada ultimamente pola súa variante xaponesa shou sugi ban, aínda que o meu veciño David asegura que unha persoa da aldea adoita queimar as bases dos postes para que non apodrezan ao enterralos.

Un chan para un pendello

O alpendre co forno de leña é o meu lugar favorito da casa, unha construcción tradicional de pedra seca (sen morteiro) e chan de terra. Enxebre, pero de uso limitado. A miña intención foi, desde o principio, aproveitalo ao máximo cun espazo máis coidado e bonito.

Pendello con forno

A solución estándar tería sido botar unha soleira de formigón de varios cm, mais ficou descartada por varios motivos.

Un día, vendo aos meus fillos saltar sobre unhas taboas para encofrar, decateime de que alí mesmo estaba a solución: un chan de madeira. Mais esta tiña que resistir a humidade dunha construcción chantada directamente na terra. Por sorte, a madeira de encofrar de piñeiro é resinosa e axeitada para o seu uso no shou sugi ban. O proxecto era sinxelo e atractivo, coa única dificultade de nivelar a camada de area sobre a que pousaría a madeira. Ademáis, cumplía con tres requisitos:

  • Debería poder facelo eu.
  • Co mínimo investimento en maquinaria.
  • Co mínimo investimento material.

Como fixen o chan

Facer un chan bonito e práctico de madeira queimada é relativamente sinxelo e económico. No meu caso, so tiven que retirar varios cm de terra para logo botar unha camada de cascallo, outra da area, rastreis e táboas.

Paso 1: retirada da terra

Pá e carretilla foi o único que precisei. Non me preocupei moito de nivelar a terra, so de gañar espazo para os pasos seguintes.

Paso 2: camada de cascallo

Sobre a terra botei 2 metros cúbicos de cascallo. Neste paso nivelei a superficie todo o que puiden usando un anciño e un nivel láser, que non usei para marcar a altura nas paredes, senon para iluminar as pillas de cascallo máis altas: colocado no centro do pendello, os raios de luz baten contra as pedras que sobresaen. So tes que movelas até que xa non estean iluminadas polo láser para conseguir unha superficie regular.

Paso 3: camada de area

A última camada, sobre a que pousar a madeira, debe ser nivelada para que as taboas repousen á mesma altura e conseguir o chan máis regular posíbel.

Unha vez distribuída a area co anciño, apoiando un nivel en dous rastreis, fun deslizando arriba a abaixo para ir alisando a superficie. Aquí cómpre ser paciente.

Paso 4: colocado dos rastreis e táboas

Usei como rastreis a propia madeira de encofrar, cunha separación entre elas de 30 cm. Sobre estes, en perpendicular, pousei as táboas do piso e logo fixei con cravos.

Despois, so tiven que dar oleo de liñaza cun rolete de pintar, deixar secar e deixar listo o pendello para o seu uso.

Para os meus, aproximadamente, 16 m2 de superficie, usei 2 metros cúbicos de cascallo e 2 metros cúbicos de area 0,4. O custe total de todo o material non superou os 600 € (uns 37,5 €/m2).

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *