Cara a cara cos recursos

Un pozo artesán de 1500 litros

A psicoloxía sabe desde hai moito tempo que o noso cerebro non está deseñado para imaxinar grandes números. Desenvolvemos ferramentas como o sistema decimal, ábacos, cintas métricas ou calculadoras para traballar con grandes magnitudes que nos permiten entender a natureza ou construír grandes obras, pero non para nos axudar a representar mentalmente, dun xeito intuitivo, cifras de ducias, centos, milleiros ou millóns. Proba o seguinte exercicio: pinta mentalmente unha liña feita de catro partes, elimina dúas e visualiza o resultado. Agora repite o exercicio, pero cunha liña de 12 trazas á que restas 10. Comprobarás que visualizar a operación 12-10 é moito máis difícil que 4-2.

Os especialistas superan esta deficiencia con anos de traballo para se familiarizar coas magnitudes propias da súa área de coñecemento; para o resto, orzamentos públicos, cotas pesqueiras ou datacións xeolóxicas non serán máis que números grandes, baleiros doutro significado. Isto dificulta, por exemplo, moitas políticas públicas que precisan da concienciación da poboación.

O consumo de auga neste país é duns 150 litros diarios per capita, cos que fregamos, lavamos a roupa, duchámonos, cociñamos, regamos macetas e bebemos. Ademáis de ser unha cantidade difícil de visualizar (unha pista: casi terías que encher a diario un carro do supermercado con botellas de auga) é case invisíbel porque so temos que abrir a billa para desfrutar dela.

Non cheguei a entender a magnitude deste consumo até chegar a aldea e depender dun pozo artesán cando, ao final do meu primeiro verán na casa, secou. Aproveitei a ocasión para calcular a súa capacidade medindo a profundidade e diámetro. En total, uns 1.500 litros cando está cheo, o consumo medio dunha única persoa durante unha semana e media.

Se este 1,5 metros cúbicos xa son poucos para consumo doméstico, para uso agrícola son ridículos. O meu amigo C ten unha horta espectacular, moito máis produtiva que a miña. Ademáis das horas de traballo, o rego continuo e xeneroso é parte fundamental para que as súas plantas medren vizosas. Cóntame que rega con 2 litros de auga diaria por planta. A ese ritmo, cunhas 50, o meu pozo aguantaría 2 semanas antes de secar.

Cincuenta plantas poden parecer moitas, pero con 12 de amorodos conseguín un prato diario deles durante 2 semanas, con 21 de fabas obtiven 5 kg e as 12 de chícharos déronme menos dun kilo, unhas cantidades insignificantes para o meu consumo anual.

Averiguar a capacidade do meu pozo obrigoume a ser máis consciente da auga que teño dispoñíbel durante o verán e do pouco que son 1500 litros de auga. Multiplicados por milleiros e millóns de persoas, fanme concordar aínda máis co alumnado de Zas que tivo a miña amiga M, á que dicían “Profe, ten que chover”.

Outras cifras interesantes

Turkemnistán é o país do mundo con maior consumo de auga per cápita. O culpable é o cultivo do algodón no deserto; a víctima, o Mar de Aral.

O 70 % do consumo mundial adícase a agricultura.

Os amorodos, as mazás e as sandías precisan menos de 50 litros de auga para producir 1 kg de froita. Sen embargo, para producir 1 kg améndoa precisas máis de 3500 litros de auga (peso dunha améndoa, entre 1 e 1,5 gramos).

Artigos recomendados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *