“Tan recentemente a vivir e crecer e agora non serve para nada até apodrecer”
Así referírese a unha morea de compost Theodolinda Bonner, a protagonista da novela “The Hand in the Glove”, unha das primeiras detectives na novela negra. É unha muller intelixente, independente e que non gosta dos homes. Rex Stout, o seu autor, inspirouse na súa irmá Ruth para crear a personaxe.
Ruth Stout xa demostraba caracter cando, con 16 anos, acompañou á activista radical do movemento da temperanza Carry Nation a esnaquizar as xanelas dun bar. Múdase na súa mocidade a Nova York e achégase ao movemento comunista americano. Con 45 anos, casa. Cinco anos máis tarde, o matrimonio vaise vivir a unha granxa de Conneticut.
Con 50 anos traballa por primeira vez nunha horta cos métodos convencionais do momento, mais frustrada pola pouca fiabilidade da axuda externa e os resultados irregulares, decide parar de arar: cobre con palla a terra, sementa e espera. Durante o resto da súa vida —finou con 96 anos— non abandona este método, botando ano tras ano camadas de herba seca na súa horta até conseguir unha terra suave e moi produtiva (os seus espárragos seguiron a se reproducir sen a súa intervención durante 45 anos).
Os métodos sen sacho (coñecidos en inglés como no–till ou no-dig), onde a terra non se labra, ven de moito antes que TikTok: en 1899 o agrónomo poláco Jan Owsiński, unha figura escura pouco citada en Occidente, publica o libro “O novo sistema de agricultura”, onde defende o arado superficial.
Afín ao nacionalismo polaco, é visto con suspicacias polo establishment da Rusia imperial e é declarado “persoa politicamente non confiábel” o que dificultou a publicación do seu traballo, que tivo mellor acollida no agrarismo progresista ruso. Seica a Sr. Stout tivo coñecemento das súas teorías na súa viaxe á Unión Sovieta no ano 1923, aínda que non hai constancia disto.
A miña decisión de facer un acolchado foi por motivos moi diferentes dos da Sr. Stout: Meteogalicia avisaba de 3 días de temperaturas arredor dos 30 ºC nos que non podería estar para regar. Para diminuír o quecemento da terra negra a pleno sol, cubrina con palla coa esperanza de que unha baixada da súa temperatura axudara as miñas plantiñas a aguantar o tirón, como así fixeron para a miña grande alegría.


Pasada a primeira proba, investigando máis sobre esta técnica, din con Ruth Stout e decidín apostar polo acolchado radical. Nos motivos pesaron menos os argumentos científicos que os paralelismos persoais: comezamos na horta coa mesma idade e tamén teño un prado de onde sacar a miña palla.
Fontes
- Ruth Stout na Wikipedia
- “An Extraordinary Green Thumb Explains Her No-Work Garden”, The New York Times, 21 de xullo de 1974.
- “Long Island Opinion: Poverty Hollow Priestess.” The New York Times, 29 May 1977.
- “How an American Radical Reinvented Back-Yard Gardening.” The New Yorker, 24 Mar. 2025.
- I.Ye. Ovsinskyi ‘New System of Agriculture’: Public Perception (End of 19th – Early 20th Century).” Eminak, www.eminak.net.ua/index.php/eminak/article/view/487.
- Ruth Stout.” Wikipedia, Wikimedia Foundation, en.wikipedia.org/wiki/Ruth_Stout. Accessed 12 June 2025.